Picasso mozo

Inicio / Patrimonio e Cultura / Exposicións / Picasso mozo

Picasso mozo

Do 17 de decembro de 2002 ao 17 de marzo de 2003, sede A Coruña

A Fundación Barrié presenta por primeira vez en España fóra das dúas cidades máis ligadas á mocidade de Pablo Ruiz Picasso, Barcelona e Málaga, unha exposición monográfica sobre os primeiros anos do artista, abranguendo desde as súas primeiras creacións en Málaga ata 1906, ano en que inicia a súa primeira etapa cubista. É ademais a primeira vez que se reúne na Coruña, cidade na cal o pintor viviu entre outubro de 1891 e o verán de 1895, unha mostra ampla da súa obra, sendo esta a única cidade española “picassiana” na que nunca se depositou unha parte importante da súa obra ou amosou unha exposición monográfica de gran relevancia sobre Picasso.

A exposición inclúe unhas 150 obras (pinturas e debuxos) de adolescencia e xuventude do artista nas que se aprecia a evolución da súa formación como pintor, recollendo momentos estilísticos da súa carreira tan importantes como a súa etapa azul. A exposición incide dun xeito especial sobre a etapa coruñesa e presenta por vez primeira unha escolma significativa de obra dese período, mal coñecida e nunca exhibida ata o momento. As obras inéditas están a ser restauradas pola Fundación para a exposición.

Na actualidade a maioría da obra dos primeiros anos de Picasso encóntrase no Museo Picasso de Barcelona. A exposición Picasso mozo inclúe ademais pinturas e debuxos procedentes de coleccións privadas e museos nacionais como o Museo Picasso de Barcelona, Museo Picasso de Málaga, Museo Thyssen Bornemisza e Museo Nacional Centro de Arte Raíña Sofía en Madrid e museos doutros países como o Museé National D’Art Moderne Centre Georges Pompidou e o Musée Picasso de París, ou o Musée Jenisch Vevey en Suíza.

A Fundación edita un catálogo no que diversos especialistas analizan as diversas etapas que marcan a formación de Pablo Ruiz Picasso, e organiza durante o transcurso da exposición unha serie de actividades complementarias, entre elas un ciclo de conferencias a cargo de especialistas internacionais na figura de Picasso, cine, visitas con audioguías e obradoiros didácticos para escolares.

CONTIDOS RELACIONADOS