Inicio / Exposicións / Trazos mestres / Didáctica Trazos mestres / Didáctica para Familias

Obradoiros didácticos dirixidos a nenos e nenas a partir de 4 anos con polo menos un adulto acompañante

Introdución
Nos obradoiros didácticos, que sempre constarán dunha visita guiada previa e unha actividade práctica, os participantes traballarán con dispositivos dixitais para crearen narrativas dixitais e interactivas. Inspirándose nas obras dos artistas que conforman a exposición, aprenderán a combinar debuxo tradicional e dixital coa finalidade de achegarse e coñecer a obra destes grandes mestres. A partir dun conxunto de microrrelatos que foron creados en función das obras que se inclúen nesta exposición, os participantes achegaranse a novos territorios de expresión e de aprendizaxe para exploraren manualmente a tecnoloxía. Coas actividades que se formulan nesta Unidade Didáctica, os visitantes reflexionarán sobre o traballo e materiais utilizados por estes grandes artistas. Con esta finalidade, animaráselles a identificar e valorar as diferentes temáticas artísticas, e a coñecer diferentes técnicas pictóricas, que eles mesmos experimentarán, utilizando unha variedade de medios e materiais que inclúen pinturas, acuarelas e crayones.

OBXECTIVOS EDUCATIVOS: - Coñecemento e análise do traballo dos artistas do realismo holandés e a arte barroca flamenca. - Promover a creatividade e o desenvolvemento da imaxinación. - Estimular a capacidade plástica e visual. - Achegamento a novas tendencias educativas e enfoques para aproximarse ao pensamento computacional - Fomentar a aprendizaxe transversal, activa e significativa a través da arte - Potenciar as destrezas comunicativas interpersoais.

Ferramentas tecnolóxicas:
Makey Makey é unha placa semellante ao mando dunha videoconsola que simula ser un teclado ou rato, o que permite enviar ordes ao ordenador ao cal se encontra conectado. No canto de premer os botóns o que facemos é pechar o circuíto mediante contactos ou pinzas de crocodilo e deste xeito simúlase ter premido un botón. Desta forma, permítenos converter calquera obxecto da vida cotiá nun teclado, un mando ou un rato de ordenador.

Familias: O SON DAS CORES
Tomando como referencia os traballos ricos e floridos dos artistas holandeses, nesta actividade traballaremos as 8 notas musicais e as asociaremos a unha cor para crearmos en familia unha pintura musical. Co obxectivo de achegarnos ao traballo destes grandes mestres, colorearemos diferentes grellas. A continuación, desde un punto de vista lúdico, coa axuda de materiais intelixentes e dispositivos dixitais como Scratch e Makey Makey dotaremos de son e interactividade as nosas pinturas.
Ferramenta tecnolóxica: Makey Makey
Reservas