Inicio / Exposicións / Trazos mestres / Didáctica Trazos mestres / Didáctica para grupos de Diversidade Funcional

Obradoiros didácticos dirixidos a grupos de diversidade funcional de todas as idades

Introdución
Nos obradoiros didácticos, que sempre constarán dunha visita guiada previa e unha actividade práctica, os participantes traballarán con dispositivos dixitais para crearen narrativas dixitais e interactivas. Inspirándose nas obras dos artistas que conforman a exposición, aprenderán a combinar debuxo tradicional e dixital coa finalidade de achegarse e coñecer a obra destes grandes mestres. A partir dun conxunto de microrrelatos que foron creados en función das obras que se inclúen nesta exposición, os participantes achegaranse a novos territorios de expresión e de aprendizaxe para exploraren manualmente a tecnoloxía. Coas actividades que se formulan nesta Unidade Didáctica, os visitantes reflexionarán sobre o traballo e materiais utilizados por estes grandes artistas. Con esta finalidade, animaráselles a identificar e valorar as diferentes temáticas artísticas, e a coñecer diferentes técnicas pictóricas, que eles mesmos experimentarán, utilizando unha variedade de medios e materiais que inclúen pinturas, acuarelas e crayones.

OBXECTIVOS EDUCATIVOS: - Coñecemento e análise do traballo dos artistas do realismo holandés e a arte barroca flamenca. - Promover a creatividade e o desenvolvemento da imaxinación. - Estimular a capacidade plástica e visual. - Achegamento a novas tendencias educativas e enfoques para aproximarse ao pensamento computacional - Fomentar a aprendizaxe transversal, activa e significativa a través da arte - Potenciar as destrezas comunicativas interpersoais.

Ferramentas tecnolóxicas:
Bare Touch é unha placa que pode converter case calquera material ou superficie nun sensor. Esta placa é semellante a Makey Makey e funciona con calquera material condutor de electricidade. Cómpre conectar o material a unha das súas entradas para reproducir MP3 ou outras funcións como o control de motores, permitindo crear de xeito doado instrumentos musicais, interruptores de luz ou superficies interactivas.

Actividades para grupos con Diversidade Funcional: SELOS PARA OBRAS CON SECRETOS AGOCHADOS
Inspirados no traballo de Cornelis Vroom e Jan van Goyen, neste obradoiro os participantes aprenderán a crear selos e descubrir microrrelatos asociados a estas obras. A partir da creación e estampado destes selos, e utilizando entre outros materiais pinturas condutoras de electricidade, os visitantes descubrirán a historia e secretos que se agochan nestas obras enigmáticas. O que se pretende con esta experiencia, é de xeito lúdico e creativo, familiarizar os participantes no coñecemento destas obras de arte. Así mesmo, xerar un espazo para o gozo onde o visitante poida exteriorizar sen atrancos os seus pensamentos, emocións e sentimentos.
Ferramenta tecnolóxica: Bare Touch