Biblioteca de Carlos Martínez Barbeito

Inicio / Patrimonio e Cultura / Fondo documental / Biblioteca de Carlos Martínez Barbeito

Biblioteca de Carlos Martínez Barbeito

A biblioteca Martínez-Barbeito ten a súa orixe na colección que no seu día formou Andrés Martínez Salazar, que pasou logo a mans do seu fillo Fernando Martínez Morás - quen a enriqueceu notablemente- e que por último recolleu o seu fillo Carlos Martínez-Barbeito (1913-1997), quen continuou ampliándoa ao longo da súa vida, ata crear unha das máis importantes coleccións de bibliografía galega.
Conta con algo máis de 11.000 volumes de obras relativas a Galicia, impresas en Galicia ou de autor galego, e cronoloxicamente abrangue títulos dos séculos XVI a mediados do XX.

Salientan as coleccións de xenealoxía e heráldica; todo o referente ao culto ao Apóstolo e ao Camiño de Santiago; regulamentos e estatutos de asociacións e institucións; as obras do padre Feijoo e as pertencentes á polémica sobre o Teatro Crítico Universal ; tratados dos civilistas galegos dos séculos XVI e XVII como Álvaro Paz de Quiñones, Juan García de Saavedra, Juan García Gallego, Gaspar Rodríguez ou Francisco Salgado de Somoza; canonistas do século XVII como Antonio Graña Nieto ou Rodrigo de Mandiá; procesalistas do XVIII como José Febrero ou Bernardo Herbella de Puga; pensadores e doctrinarios xurídicos do propio século da Ilustración como Juan Francisco de Castro; unha importante colección de Reales Cédulas, Reales Órdenes, editos, etc., que na súa maioría son reimpresións galegas das publicadas en Madrid e algunhas referidas exclusivamente a Galicia (levas militares, fábricas como a de Sargadelos, etc.); bandos dos Concellos constitucionais, fundamentalmente da Coruña e Santiago, proclamas; a Guerra da Independencia en Galicia, publicacións menores sobre alistamentos e a vida no exército; a Guerra de Cuba; o ferrocarril en Galicia; foros e obras de interese do punto de vista da economía sobre agricultura, pesca, banca, créditos etc., e unha importante colección de partituras de compositores galegos.