Biblioteca de Domingo García-Sabell

Inicio / Patrimonio e Cultura / Fondo documental / Biblioteca de Domingo García-Sabell

Biblioteca de Domingo García-Sabell

A Biblioteca de Domingo García-Sabell foi adquirida pola Fundación en vida do ilustre médico e ensaísta, aínda que os libros non pasaron aos fondos da biblioteca da Fundación ata o seu pasamento en 2004.
O fondo reflicte o interese ecuménico de quen o reuniu, podéndose dicir que é un compendio da cultura europea do século XX, no que están representados nas súas linguas orixinais todos os autores de primeira liña. Os temas sobre os que abordou estudos o doutor García-Sabell, tales como James Joyce, Roberto Nóvoa Santos, Valle-Inclán, de quen se conserva un valioso exemplar da súa novela por entregas La Cara de Dios, etc.. están de xeito especial representados.
O especial vencello coa Fundación Barrié explica que uns anos antes da súa morte, García-Sabell fixese doazón do seu Arquivo persoal, aínda non aberto ao público, incrementando desta maneira o interese do seu legado. Dentro desta doazón encóntranse os versos máis antigos de Valle-Inclán, o legado de Manuel Antonio, os diarios de recortes de prensa de Roberto Nóvoa Santos ou a propia correspondencia de Domingo García-Sabell.