Ansel Adams

Inicio / Patrimonio e Cultura / Exposicións / Ansel Adams

Ansel Adams

Do 29 de maio ao 21 de setembro de 2003, sede A Coruña

A Fundación Barrié presenta, en primicia mundial, a exposición Ansel Adams, que reúne 150 fotografías as cales celebran e á vez estudan o desenvolvemento da carreira artística de Ansel Adams (San Francisco 1902 – 1984). As obras foron seleccionadas polo Museo Internacional George Eastman House de Fotografía e Cine tras unha investigación na súa extensa colección das obras de Adams para crear unha nova exposición que inicia a súa xira internacional na Fundación. Esta colección ten a súa orixe nas doacións do propio artista, amigo do primeiro conservador –e máis tarde director– da Eastman, Beaumont Newhall, e en compras efectuadas por este prestixioso museo de fotografía. A colección só saliu do Museo en dúas ocasións durante os últimos 50 anos.

Ansel Adams é un dos poucos fotógrafos históricos cuxo nome e obra gozan dun recoñecemento en todo o mundo. As súas paisaxes e os seus bodegóns da natureza seguen a cativar os espectadores hoxe en día. Moitos coñecen a súa obra pola gran difusión que tivo en libros, postais, carteis e calendarios, pero relativamente poucos tiveron a oportunidade de contemplaren a presentación das súas imaxes orixinais.

Esta exposición antolóxica percorre toda a traxectoria creativa de Adams, entre 1920 e 1976, pero concéntrase de xeito especial na súa etapa máis fecunda, pois a maior parte das obras na exposición son anteriores a 1950. Todas son imaxes orixinais positivadas por Ansel Adams. As máis das obras son vintages, realizadas na mesma época que os negativos. Unha minoría de imaxes, principalmente as obras de maior tamaño, foron positivadas polo propio Adams a partir de negativos realizados anos antes, e en ocasións reinterpretadas.

A exposición inclúe o primeiro portfolio de Adams do ano 1927, con orixinais pouco comúns denominados Parmelian Prints (papel xelatino- prata). Trátase dun papel moi delicado elaborado pola Eastman Kodak Company chamado Kodak Opaline paper. É a primeira vez que o portfolio se amosa ao público na súa totalidade. Das 18 imaxes que o compoñen, só 2 foron amosadas en exposicións anteriores.

Adams creou as súas mellores imaxes desde un coñecemento fondo, case místico, da natureza. A exposición inclúe sobre todo paisaxes, con algunhas das imaxes máis célebres do Oeste Americano realizadas por Adams, entre elas Moonrise, Hernandez, New Mexico, 1941 e Mount Williamson from Manzanar, California, ca. 1944 e unha escolma de retratos, bodegóns e fotografías abstractas.

As actividades didácticas programadas pola Fundación en colaboración coa UNEP (Programa de Nacións Unidas para o Medio Ambiente) intentarán achegar ao público a figura de Adams e os procedementos básicos do proceso de creación fotográfica, ao tempo que incidirán na importante actividade conservacionista de Adams, como artista comprometido coa preservación do medio ambiente natural. As actividades didácticas están dirixidas a campamentos de verán, familias, etc. As visitas comentadas dirixidas ao público adulto, abordarán desde o diálogo aspectos como a relación entre arte e natureza, a defensa do medio ambiente por Adams ou o seu papel decisivo na historia da fotografía.

O conxunto descobre o xenio da arte de Adams, un século despois do seu nacemento, tanto na composición como na execución final das súas imaxes e o dominio dos procesos fotográficos, independentemente de que estas sexan moi coñecidas ou relativamente descoñecidas.

CONTIDOS RELACIONADOS